Instituto Enerxético de Galicia, www.inega.es
 
 
Plan Renove de Fiestras


PRORROGA XUSTIFICACIÓN SOLICITUDE

INFÓRMASE QUE O PRAZO PARA CONFIRMAR A EXECUCIÓN DA OBRA, DE TÓDALAS SOLICITUDES ADMITIDAS NA AMPLIACIÓN DE FONDOS DO DÍA 11 DE MAIO DE 2010, PRORRÓGASE ATA O 31 DE AGOSTO DE 2010.

Obxectivo

O Plan Renove de Fiestras está incluído no Programa IDAE-INEGA 2009 de Axudas Públicas a Investimentos en Eficiencia Enerxética dentro do Plan de Acción 2008-2012 da E-4.

O fin deste plan é o de fomentar a redución do consumo de enerxía no sector doméstico a través da rehabilitación dos ocos acristalados de fachada, tanto no referente ó acristalamento como ós marcos ou perfís.

Estas axudas xestionaranse mediante a colaboración dos instaladores que decidan adherirse ó Plan e están destinadas a persoas físicas ou xurídicas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia. Serán subvencionables as novas fiestras ou portas-fiestras que separen estancias calefactadas do exterior e cumpran os seguintes requisitos:

• Dispoñer de marcado CE.
• Esixencias mínimas de eficiencia enerxética:

  a) Opción A: Carpintería de madeira ou PVC e acristalamento que cumpra algún dos seguintes requisitos:
    a.1.- Dobre acristalamento con cámara de 12 mm ou superior.
    a.2.- Dobre acristalamento con cámara de 6 mm ou superior e con cristal exterior baixo emisivo (con emisividade menor ou igual a 0,1).

  b) Opción B: Carpintería metálica con rotura de ponte térmica de 12 mm ou superior con dobre acristalamento con cámara de 6 mm ou superior e con cristal exterior baixo emisivo (con emisividade menor ou igual a 0,1).

• Dispoñer dunha persiana, contra ou cortinón completamente opaco capaz de cerrar toda a superficie da fiestra ou porta-fiestra (non se admitirán persianas venecianas, cortinas translúcidas,...), este elemento pode ser novo ou reutilizado da instalación anterior.
• Substituír a unha fiestra ou porta-fiestra anterior de igual ou superior tamaño.
• Execución da obra a partir do 1/12/2009.

Non son subvencionables os cerramentos acristalados que se instalen coa finalidade de pechar ambientes exteriores (terrazas e/ou tendedeiros) por non tratarse dunha renovación senón de modificacións na envolvente da vivenda. Tampoco son subvencionales os lucernarios da cuberta.

Esta axuda é incompatible con calquera outra tramitada polo Inega para a mesma actuación.

O prazo de presentación das solicitudes de axuda permanecerá aberto dende o 1 de decembro de 2009 ata o día 30 de outubro de 2010 ou ata que se esgote o orzamento destinado a esta finalidade que ascende a 1.200.000 €. Eventualmente esta cantidade poderase ver incrementada coas cantidades sobrantes do Programa de Axudas Públicas ao aforro e eficiencia (E4+) reguladas pola Resolución do Instituto Enerxético de Galicia do 21 de outubro de 2009 publicado no DOG o 30 de outubro de 2009.

PRAZO DE ADHESIÓN DOS INSTALADORES

O prazo de adhesión comeza o día seguinte da publicación das bases e remata o día 30 de novembro de 2009 no caso de Adhesión simplificada, no caso de adhesión ordinaria remata o 30 de outubro de 2010.

O documento de adhesión (Anexo I das bases, titulado Protocolo de Adhesión) deberá encherse a través da aplicación informática e presentarse por duplicado preferentemente no rexistro do Inega (Rúa Avelino Pousa Antelo nº 5 - San Lázaro, C.P. 15703 Santiago de Compostela - A Coruña). No caso de que a presentación se realice noutro rexistro deberá adiantarse ó fax 981 54 15 25.

Para aclarar calquera tipo de dúbida o Inega habilitou os seguintes números de teléfono: 981 54 15 42, 981 95 71 46 e a conta de correo aforro@inega.es.

Documento Completo do Plan Renove de Fiestras 2009 [PDF]

Corrección de erros


No Anexo II das bases do Plan Renove de Fiestras 2009, no punto 3 do apartado "O comprador declara", onde di "Que se compromete a que a nova fiestra sexa de igual ou superior tamaño que a ventá que xa existía" debe poñer "Que se compromete a que a nova fiestra sexa de igual ou inferior tamaño que a ventá que xa existía". Deste xeito o Anexo é coherente co punto 4 do apartado 3 das bases onde se recolle que as novas fiestras para ser subvencionables deben substituír a unha fiestra ou porta-fiestra anterior de igual ou superior tamaño.


O parágrafo onde pon: "Considéranse actuacións subvencionables aquelas que, cumprindo os requisitos antes descritos, reserven a partida de fondos correspondente e sexan realizadas a partir do 23 de novembro de 2009", debería poñer: "Considéranse actuacións subvencionables aquelas que, cumprindo os requisitos antes descritos, reserven a partida de fondos correspondente e sexan realizadas a partir do 1 de decembro de 2009".

CONTÍA DA SUBVENCIÓN

A contía da axuda ascenderá a un máximo de 100€/m2 de fiestra, cuns límites de 5.000€ por vivenda unifamiliar e 100.000€ por bloque de vivendas (cun máximo de 5.000€ por referencia catastral) ou edificios do sector terciario. En calquera caso, a cantidade da subvención non poderá ser superior ao 25% do custo total da obra.

Reserva de Fondos



Reserva de Fondos


Para consultar o estado das ventas prema no seguinte enlace.




Reserva de Fondos >>

Instaladores Adheridos

Pulsando na seguinte ligazón poderá consultar os instaladores adheridos ao Plan Renove de Fiestras.

Listaxe de Instaladores Adheridos >>

Dúbidas máis Frecuentes

Pulsando na seguinte ligazón poderá consultar as dúbidas máis frecuentes referentes ao Plan Renove de Fiestras.

Dúbidas Frecuentes >>