INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria
inicio  Inega

Presentación

O Instituto Enerxético de Galicia nace a través da Lei 3/1999, do 11 de marzo, ó abeiro das competencias que a Comunidade Autónoma ostenta segundo o seu Estatuto de Autonomía (art. 13.2) e de conformidade co establecido no artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Na exposición de motivos da Lei 3/1999 destácanse algúns aspectos que definen a actual realidade enerxética e o valor estratéxico deste subsector económico. Esta exposición incide en que a utilización racional da enerxía é un factor clave da concorrencia empresarial e da calidade de vida dos cidadáns, en que é necesario e obrigado harmonizar o uso dos recursos enerxéticos e o respecto ambiental, e en que urxe diversificar as fontes enerxéticas e diminuír, na medida do posible, a dependencia exterior. Por suposto, todas estas iniciativas sitúanse nun contexto dunha interdependencia económica e elevado grao de evolución tecnolóxica.

O Parlamento de Galicia, unha vez avaliado o contexto enerxético galego e internacional, considerou oportuno crear unha entidade que levase a cabo as funcións, iniciativas e programas enerxéticos desenvolvidos ata entón por diferentes organismos da Administración autonómica, co obxectivo de afondar e consolidar a tarefa emprendida.

A configuración legal do Inega é a dun ente de dereito público, con personalidade xurídica e patrimonio propios. Está adscrito á Consellería competente en materia de enerxía e suxeito, nas súas actividades, ós programas e directrices xerais da Xunta, pero con autonomía funcional para realizar estudos, ditames, peritaxes e actividades formativas e comerciais para a Administración pública, para as empresas e para os particulares.