Que é o Inega

Actualidade

AS AXUDAS DO PRIMEIRO PLAN RENOVE DE EQUIPOS DE CLIMATIZACIÓN DE ECONOMÍA E INDUSTRIA, DE ATA O 30% DO CUSTO, ÁBRENSE MAÑÁ
- Esta actuación permitirá un aforro económico anual de 600.000 euros para os cidadáns

- A campaña da Consellería que dirixe Javier Guerra, instrumentada a través do Inega, xerará un investimento asociado de 3,5 millóns de euros

- Con esta nova liña de axudas de aforro e eficiencia enerxética prevese chegar a 1.400 vivendas e lograr a adhesión ao Plan de máis de 200 establecementos

- Estímase que permitirá un aforro de enerxía primaria de 9.566 MWh, o que supón evitar a emisión de 1.527 toneladas de CO2 á atmosfera

- Serán subvencionables os equipos de potencia entre 5 e 70 kW: caldeiras de condensación, equipos de aire acondicionado aire-aire ou aire-auga e as bombas de calor que teñan como foco frío o aire

Cartel Plan Renove ClimatizaciónSantiago, 28 de febreiro de 2010. As axudas do primeiro Plan Renove de Equipos de Climatización que a Consellería de Economía e Industria instrumenta a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), poderanse solicitar desde mañá, luns, 1 de marzo e ata o 30 de xuño, ou ata esgotarse os fondos dispoñibles. Con esta nova liña de axudas de aforro e eficiencia enerxética nos fogares galegos, xa que este ano é a primeira vez que desenvolve esta campaña, preténdese reducir o consumo das instalacións térmicas de calefacción, climatización e produción de auga quente sanitaria, a través da substitución de equipos convencionais por equipos de alta eficiencia enerxética: caldeiras de condensación, equipos de climatización de clase A e bombas de calor de clase A.

Con esta actuación, que conta cun orzamento inicial de 1 millón de euros, vaise xerar un investimento asociado de en torno aos 3,5 millóns de euros, e prevese chegar a un total de 1.400 vivendas e edificios e lograr a adhesión ao Plan de máis de 200 establecementos. A día de hoxe, antes de abrirse o prazo de solicitude de axudas, xa se sumaron a esta campaña 163 comercios. A campaña permitirá un aforro de enerxía primaria estimado en 9.566 MWh, o que supón evitar a emisión de 1.527 toneladas de CO2 á atmosfera, e un aforro económico cuantificado nuns 600.000 euros anuais.

A través do Plan Renove de Equipos de Climatización a Consellería de Economía e Industria e o Inega subvencionarán a substitución de equipos de potencia entre 5 e 70 kW por equipos de alta eficiencia enerxética. Concretamente poderán ser obxecto de axuda as caldeiras de condensación (cun rendemento de 4 estrelas ou equivalente); os equipos de aire acondicionado (só frío), aire-aire ou auga-auga (con rendemento A) e, por último, as bombas de calor (só calor ou reversibles) que teñan como foco frío o aire (con rendemento clase A). Os aparatos antigos substituídos deberanse entregar aos xestores autorizados para o seu correcto tratamento como residuo voluminoso conforme á normativa vixente.

Contía das axudas
A contía da subvención ascenderá a un máximo de 45 €/kW da potencia nominal (en modo calefacción) da caldeira de condensación instalada co límite do 30% do seu custo. No caso de equipos de aire acondicionado e bombas de calor a contía máxima da axuda será de 150 euros/kW térmico, co límite do 30% do prezo de tarifa dos equipos.

Os beneficiarios das axudas poderán ser persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada residentes ou radicadas en Galicia, usufrutuarios ou arrendatarios de vivendas, edificios de vivendas ou de edificios destinados a outros usos, que estean localizados en Galicia.

Obtención da axuda
O comprador dirixirase a un instalador adherido ao Plan Renove de Equipos de Climatización e adquirirá o equipo obxecto da subvención. O instalador realizará a solicitude de fondos mediante a aplicación web www.inega.es/planrenoveclima2009, imprimirá o impreso de axuda e o comprador asinará a súa conformidade. A continuación o instalador realizará a obra e cobrará o imorte da factura co desconto da axuda establecida. Finalmente, o instalador remitirá toda a documentación ao Inega para o cobro da subvención.

Descargas asociadas

Hemeroteca: 2008 · 2009 · 2010


Subvencións Aforro 2010
Subvención Renovables 2010
Consulta on-line estado subvencións 2009
Autoliquidación Canon Eólico
Certificación Enerxetica
Simuladores Inega
Sicapde
Listaxe de Instaladores
Dossier de Prensa
Xunta de Galicia. Consellería de Economía e Industria(Nova ventá) Instituto Enerxético de Galicia