Inega

Que é o Inega

Actualidade

ECONOMÍA E INDUSTRIA PON EN MARCHA A EXPOSICIÓN “UN MUNDO DE ENERXÍA” PARA PROMOVER UN CONSUMO ENERXÉTICO EFICIENTE E RESPONSABLE
- A mostra, concibida como un espazo didáctico e participativo que pretende mellorar a comprensión sobre a importancia que teñen os recursos enerxéticos, pódese ver estes días na antiga-casa escola de Ventosa, no Concello de Agolada

- Ata o próximo día 8 de marzo a exposición será visitada por nenos de distintos colexios da comarca do Deza e a partir desa data a mostra iniciará a súa xira itinerante por distintos puntos da xeografía galega

director do InegaSantiago, 19 de febreiro de 2010.- O director do Instituto Enerxético de Galicia, Eliseo Diéguez García, inaugurou hoxe na antiga casa-escola de Ventosa, no Concello de Agolada, a exposición "Un Mundo de Enerxía", coa que a Consellería de Economía e Industria trata de ofrecer unha visión construtiva do mundo enerxético, achegando o coñecemento dos distintos tipos de enerxía á cidadanía para concienciala acerca dun consumo eficiente e responsable e da necesidade de acadar un modelo de desenvolvemento sostible, a través do labor colectivo de fomento das enerxías renovables e da promoción do aforro e a eficiencia enerxética. No acto estivo acompañado polo alcalde de Agolada, Ramiro Varela, así como por un grupo de rapaces do CEIP de Agolada.

A exposición foi ideada pola Consellería de Economía e Industria a través do Inega como un espazo didáctico e interactivo sobre a enerxía, cun marcado carácter pedagóxico na forma, estética e contidos co fin de orientala á divulgación do mundo enerxético entre a sociedade.

"Un Mundo de Enerxía" pretende mellorar a comprensión sobre a importancia que teñen os recursos enerxéticos e fomentar o coñecemento das fontes de enerxía renovables, entre outros aspectos. Para este fin a mostra realiza un percorrido que permite a adquisición de coñecementos básicos sobre os diferentes tipos de enerxía, a súa transformación e consumo.

A concepción "viva" dos distintos espazos expositivos permite obter unha nova experiencia educativa e sensitiva, ao tempo que suscita unha reflexión repousada do valor da enerxía e a urxencia de asumir hábitos de consumo responsables.

A exposición esperta a curiosidade do visitante mediante a utilización de distintos medios audiovisuais, que axudan a comprender a complexidade dos procesos e infraestruturas necesarias para levar a cabo actividades tan cotiás como acender unha lámpada ou empregar un vehículo. O obxectivo que se pretende é que o visitante que percorra a exposición poida saír cuns conceptos básicos sobre a enerxía asimilados e ordenados.

O proceso de xeración dos distintos tipos de enerxías e os efectos da contaminación sobre o planeta son outros dos aspectos recollidos na exposición, que tamén nos achega unhas pautas sinxelas de conduta coas que cada persoa pode contribuír na misión mundial do aforro enerxético.

A exposición permanecerá en Agolada ata o próximo luns, 8 de marzo, día no que se desenvolverá unha actuación de promoción do aforro e da eficiencia enerxética, coincidindo coa celebración nesas datas do "Día Mundial da Eficiencia Enerxética". Durante o tempo de permanencia en Agolada a mostra será visitada por escolares de distintos centros educativos da comarca do Deza e a partir de aí iniciará a súa xira itinerante por distintos puntos da xeografía galega.

Actualmente, a Consellería de Economía e Industria e o Instituto Enerxético de Galicia están traballando para pechar un calendario de visitas desta exposición itinerante neste ano, co propósito de levala, nos vindeiros meses, ao maior número de sitios posibles, principalmente a centros educativos, co ánimo de concienciar sobre o aforro e a eficiencia enerxética desde unha idade temperá e axudar así a mudar os hábitos de comportamento, promovendo un consumo máis eficiente e racional da enerxía.

"Un Mundo de Enerxía" pode ser cedida temporalmente ás entidades, institucións, centros de ensino, etc. que soliciten o seu préstamo. Para este fin os interesados deberán enviar unha petición a info@inega.es.


Hemeroteca: 2008 · 2009 · 2010


Subvencións Aforro 2010
Subvención Renovables 2010
Consulta on-line estado subvencións 2009
Autoliquidación Canon Eólico
Certificación Enerxetica
Simuladores Inega
Sicapde
Listaxe de Instaladores
Dossier de Prensa
Xunta de Galicia. Consellería de Economía e Industria(Nova ventá) Instituto Enerxético de Galicia