Que é o Inega

Actualidade

O INEGA IMPULSA CON MÁIS DE 200.000 EUROS MEDIDAS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA EN POLÍGONOS INDUSTRIAIS MEDIANTE UN PROXECTO PILOTO COA FEDERACIÓN GALEGA DE PARQUES EMPRESARIAIS
- O convenio de colaboración asinado hoxe entre o director do Instituto Enerxético de Galicia e o presidente da Fegape contempla a realización de auditorías enerxéticas en 25 industrias manufactureiras, a divulgación dos resultados destes estudos e a implantación dun plan de mobilidade en 4 polígonos industriais

- Con esta actuación pioneira e experimental, que deberá estar executada antes do 30 de agosto de 2010, incentívase o uso racional da enerxía no sector e propíciase unha mellora das condicións medio ambientais

Convenio FegapeSantiago, 20 de xaneiro de 2010.- O director do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Eliseo Diéguez, e o presidente da Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape), Luis Fernández Ruenes, asinaron hoxe un convenio de colaboración polo que estes dous organismos levarán adiante un proxecto piloto consistente en potenciar a eficiencia enerxética nos polígonos industrias galegos. Trátase dunha actuación de promoción do aforro e da eficiencia enerxética no sector empresarial que o Inega, organismo dependente da Consellería de Economía e Industria, desenvolve en colaboración co IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) e mediante a que subvenciona, a fondo perdido, actuacións tendentes a incentivar o uso racional da enerxía nos parques empresariais englobados na devandita Federación, a única destas características existente en Galicia, que dá cabida a 24 entidades representativas de polígonos e que aglutinan a 40 parques empresariais, representando o 95% das asociacións de empresarios de Galicia.

O convenio, para o que o Inega achegará un total de 201.847,50 euros e Fegape os fondos adicionais necesarios para a súa execución, abrangue a implantación de medidas experimentais e pioneiras de aforro e eficiencia enerxética no sector empresarial que leven consigo unha alternativa limpa e racional no uso da enerxía, medidas necesarias nun contexto desfavorable como o actual, e que axudarán a unha mellora das condicións medio ambientais.

Optimización enerxética
Entre o abano de actuacións que contempla o convenio tendentes a incrementar o uso racional da enerxía nos polígonos industriais atópase a realización de auditorías enerxéticas en industrias. A Fegape encargarase de realizar estudos para a mellora da eficiencia enerxética en 25 industriais manufactureiras situadas nos parques empresariais incluídos nesa Federación. Esta actuación terá un orzamento de 144.286 euros, do que o 75% correrá a cargo do Instituto Enerxético de Galicia e o restante 25% deberá ser asumido ben pola industria auditada ou ben pola propia Federación.

Cada estudo de optimización enerxética analizará o proceso produtivo da empresa e deberá propoñer medidas de redución do consumo enerxético. A análise poderá ser integral ou limitada aos procesos e sistema de maior demanda enerxética. Ademais os seus resultados deberán estar dispoñibles na páxina web do Inega, www.inega.es.

A Fegape entregaralle ao Inega copias das auditorías, o seu custo e un informe resumo coas accións propostas en cada estudo e a súa viabilidade: investimento necesario, aforro enerxético e económico derivado das medidas, etc.

Plan de mobilidade en polígonos
A realización dun plan de mobilidade en 4 polígonos industriais, elixidos a proposta de Fegape, constitúe outra das actuacións a desenvolver a través deste convenio. Este plan de transporte ten como pretensión cambiar o modo de desprazamento das persoas ao lugar de traballo, así como promover medios de transporte colectivos máis eficientes.

O estudo levarase a cabo na Comunidade de Propietarios de Pocomaco (A Coruña), na Asociación de Empresarios A Gándaras (O Porriño), na Asociación de Empresarios do Polígono Sete Pontes (Vilalba) e na Asociación de Empresarios do Polígono Industrial San Cibrao das Viñas (Ourense), que mobilizan no seu conxunto a 24.200 traballadores. Para esta actuación cun orzamento global de 156.055 euros, o Inega achegará o 60% do custo e o restante 40% deberá ser asumido polo polígono ou por Fegape.

Divulgación dos resultados das auditorías
A Fegape encargarase de contactar con outras industrias para informalas das melloras que se detectaron nas auditorías das empresas do seu sector. Así mesmo comprométese a facer figurar a imaxe corporativa do Inega e do IDAE en toda a documentación que requira o desenvolvemento do devandito convenio.

Cuantificación do aforro enerxético
O convenio tamén establece que a Federación Galega de Parques Empresariais lle entregará ao Instituto Enerxético de Galicia un informe de todas as actuacións realizadas dentro do obxecto do convenio, no que se indique o investimento de cada unha delas e o aforro enerxético que se acadará con cada unha das actuacións levadas a cabo. Todas as medidas de aforro e eficiencia enerxética contempladas no convenio deberán estar executadas antes do 30 de agosto de 2010.


Hemeroteca: 2008 · 2009 · 2010


Subvencións Aforro 2010
Subvención Renovables 2010
Consulta on-line estado subvencións 2009
Autoliquidación Canon Eólico
Certificación Enerxetica
Simuladores Inega
Sicapde
Listaxe de Instaladores
Dossier de Prensa
Xunta de Galicia. Consellería de Economía e Industria(Nova ventá) Instituto Enerxético de Galicia