INEGA Instituto Enerxético de Galicia

Play
Conselleria de Economía e Industria
inicio  Eficiencia Enerxética  Certificación enerxética de edificios

Introducción

A Certificación Enerxética dos Edificios é unha esixencia derivada da Directiva 2002/91/CE.

No referente á certificación enerxética, esta Directiva trasponse parcialmente ao ordenamento xurídico español a través do Real Decreto 47/2007, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o Procedemento básico para a certificación de eficiencia enerxética de edificios de nova construción.

Este Real Decreto obriga aos vendedores e arrendadores dos edificios incluídos no seu ámbito de aplicación a facilitar un Certificado de Eficiencia Enerxética, en adiante CEE, aos compradores ou usuarios destes edificios. Este certificado deberá incluír información obxectiva sobre as características enerxéticas dos edificios, de forma que se poida valorar e comparar a súa eficiencia enerxética co fin de favorecer a promoción de edificios de alta eficiencia enerxética e as inversións en aforro de enerxía na edificación.

O mesmo RD 47/2007 establece a existencia de dous tipos de certificado:

  1. O certificado de eficiencia enerxética do proxecto que se basea na cualificación enerxética que se obtén a partir do proxecto de execución do novo edificio.
  2. O certificado de eficiencia enerxética de edificio terminado que se basea na cualificación do edificio terminado.

En ambos certificados e mediante unha etiqueta de eficiencia enerxética, asignase ao edificio unha Clase Enerxética de eficiencia, que variará dende a clase A, para os enerxeticamente mais eficientes, á clase G, para os menos eficientes.

Como procedemento básico que é, esta normativa deixa en mans do órgano competente en cada Comunidade autónoma o seu desenvolvemento, así coma o rexistro dos certificados, o control externo e a inspección.

Así, coa aprobación do Decreto 42/2009 de 21 de xaneiro queda regulada a certificación enerxética de edificios de nova construción en Galicia. Este Decreto promove a eficiencia enerxética na edificación, fomenta a mellora da calidade nas edificacións, contribúe á mellora ambiental e pretende ofrecer información pública e transparente á cidadanía sobre o comportamento enerxético dos edificios, a través da creación do Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética (RGEE). O procedemento e o funcionamento deste Rexistro quedan regulados mediante a Orde do 3 de setembro de 2009 e as súas modificacións posteriores (Orde do 23 de decembro de 2010).

En consecuencia, dende o 6 de setembro de 2009 o promotor ou propietario de calquera edificio incluído no ámbito de aplicación do Decreto 42/2009 está obrigado a inscribir no Rexistro tanto o certificado de eficiencia enerxética de proxecto como o de edificio rematado. (Procedemento IN413C, https://rgee.xunta.es/)

Rexistrar o CEE de proxecto e condición necesaria para poder iniciar as obras de construción. Este certificado debidamente rexistrado debe incorporarse ao proxecto de execución.

Rexistrar o CEE de edificio rematado e condición necesaria para solicitar a licenza de primeira ocupación. Este certificado debidamente rexistrado debe incorporarse ao libro do edificio.

Estes certificados deben renovarse aos 10 años a partir da data de inscrición no Rexistro ou modificarse se houbo variacións que poidan variar a cualificación obtida.

Na publicidade de venta ou aluguer debese facer mención á cualificación enerxética debéndose indicar o número de rexistro.

Esta normativa ten tamén incidencia na edificación pública, así, calquera edificio público deberá ter unha cualificación igual ou superior a C e deberá exhibir a etiqueta enerxética.